O NOSO CLUBE     |     ENOTURISMO


A NOSA HISTORIA MAILOS NOSOS VALORES

Adegas Godeval

A empresa galega Bodegas Godeval elabora hoxe  os seus viños coa mesma porfía coa que empezou,  vai 30 anos, a recuperar a variedade branca godello,  baixo a Denominación de Orixe Valdeorras. Situada na contorna histórica de Xagoaza (O Barco) e utilizando parte do edificio chamado mosteiro de Xagoaza como adega, Godeval comezou -nos anos 80- o seu proxecto de recuperación da variedade e a plantación de viñedos propios, para controlar todo o proceso, consonte á máxima de que o viño faise na viña. Co paso do tempo e procurando atender as crecentes necesidades dos seus clientes, ampliou as súas plantacións e tamén as instalacións.  A nova adega deseñouse para converterse nun  miradoiro ao val, no que se unen tradición e modernidade.

Así empezamos

Adegas Godeval fundouse en 1986, realizando unha primeira vinificación para elaborar un único viño monovarietal coa uva da variedade Godello.

Comezamos con 2 hectáreas de viñedo, elaborando 18.000 botellas de Viña Godeval.  En 1988 ampliamos produción coa posta en marcha da adega, no interior do coñecido coma mosteiro de Xagoaza.

Proxecto REVIVAL

En 1974, Horacio Fernández Presa, xefe comarcal da oficina de Extensión Agraria da bisbarra, puxo en marcha o Programa REVIVAL. O núcleo central do proxecto consistía na recuperación da variedade autóctona Godello. Todo un programa informativo e formativo púxose en marcha para facer realidade a esa revitalización.

Mosterio de Xagoaza

En 1988 comezaron os traballos de restauración e  acondicionamento do monumento -un fermoso  edificio con séculos de historia- para convertelo na adega Godeval.

A nova Bodega

Na actualidade a adega dispón da máis moderna tecnoloxía de vinificación nunhas novas instalación, inauguradas no 2009.  A produción anual é de 150.000 litros elaborados cos nosos propios viñedos

RECOÑECEMENTOS DE GODEVAL NO MUNDO

Ver Premios e Distincións

ENOTURISMO

O noso proxecto ViBe Godeval  (ViBe é un acrónimo de vive e bebe) permíteche coñecer o lugar de elaboración dos nosos viños e a súa contorna. Está dirixido a todo aquel que queira coñecernos de primeira man. As visitas realizanse con reserva previa e inclúen un recorrido guiado polas viñas, a adega e unha cata. Ofrecemos a oportunidade de descubrir unha xoia de Valdeorras: o godello da nosa adega nun entorno único como o de Xagoaza. A visita remata na “Cova dos Monxes”, unha adega soterrada, que está a 100 metros da adega nova. Esta cova ten máis de 300 anos de historia, pertencía ao conxunto histórico da Casa Granxa Mosteiro de Xagoaza e nela gardábanse os viños dos monxes. Un edificio con base no século XI e con Cabaleiros da Cruz de Malta como parte da súa historia. A igrexa románica de San Miguel completa unha contorna única. Ademais asesorámoste para coñecer outros rincóns da comarca valdeorresa.

Só tes que chamarnos ou enviarnos un e-mail a  este correo electrónico: amigosdegodeval@godeval.com

PRESENZA INTERNACIONAL

Os viños de Adegas Godeval  hoxe están presentes en numerosos países, destinando preto dun 30% da súa produción á exportación.  Empezamos no ano 1989, converténdonos na primeira adega en exportar viño de godello a USA. Ademais dos EE.UU  hoxe  tamén chegamos ao Reino Unido, Holanda, Xapón, Suecia, Canadá, Porto Rico, Andorra, Panamá e Polonia.

Os nosos viños suman numerosos premios e prestixiosas revistas inclúenos nas súas listaxes dos mellores viños do mundo.