GODEVAL

Viño branco, nobre (13 graos de alcol aproximadamente) e monovarietal. Nel, a variedade godello concentra os seus trazos definitorios, moldeada polo clima atlántico con influencia continental e polo chan de lousa no que asentan as cepas. É un viño novo e aromático, do que sempre se pedirá outra copa.

Cor amarela verdosa con reflexos nacarados. Posúe un excelente e pronunciado aroma: intenso, delicado, elegante e con recordos á froita na árbore.
En boca é lixeiro, suave e saboroso. Os seus toques acedos e doces danlle equilibrio e convérteno nun viño moi persoal, cunha acusada estrutura.

Este viño debe servirse entre 6 e 8º centígrados. Combina perfectamente con mariscos, peixes, conservas, cogomelos e queixos suaves.
Dispoñible en botella de 75cl. e en Magnum de 1,5 l.

CEPAS VELLAS

Viño branco, nobre (13 graos de alcol aproximadamente) e monovarietal, que evoluciona ben en botella e mellora co paso do tempo. Procede das uvas de godello seleccionadas dos viñedos máis antigos da adega  e cun proceso de vinificación nas súas propias lías durante uns cinco meses en tanques de aceiro inoxidable. Un viño completo, con corpo, que sorprende desde o primeiro momento e fica na lembranza.

Cor amarela verdosa con tons dourados. Arrecendos de intensidade media, limpo, engaiolante, con lembranzas a froita madura (mazá, melón e piña) e a finas herbas do campo (fiúncho e hortelá). En boca amósase sinaladamente agradable, cun equilibrio entre as sensacións doces que achegan corpo e volume, e os sabores acedos que dan frescor, ademais dunhas notas minerais de gran complexidade, achegadas pola lousa do chan do que procede; ofrecendo un conxunto de sensacións longas e pracenteiras.
Este viño debe servirse entre 8 e 10º centígrados. Harmoniza con mariscos, peixes, carnes de ave, de caza, cogomelos e queixos cremosos.
Dispoñible en botella de 75cl.

REVIVAL

Bodegas Godeval presenta esta serie limitada de 6.600 botellas, resultado da selección de uvas, procedentes do seu viñedo emblemático «Pancho» -un dos máis antigos da propiedade- e marcado polo seu chan de lousa e o microclima especial, dentro do clima atlántico continentalizado que afecta á comarca ourensá de Valdeorras.

Godeval Revival manifesta todo o compoñente aromático e gustativo da variedade godello, unha vez sometidas as uvas, a un proceso de criomaceración. Os parámetros deste proceso foron definidos tras a execución, durante tres anos, dun Proxecto I+D, en colaboración coa EVEGA (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia).

Coñecida co nome de «Pancho», esta leira está situada na marxe dereita do val do Sil. As gabias teñen unha orientación Leste-Oeste, e exposición Sur. Situado nunha ladeira moi asollada, con microclima especial, que favorece a maduración e a correcta sanidade das uvas. Acompañado por un chan e subsol de lousa cento por cento.

A cor vístese de amarelo con moitos reflexos verdosos, amable e fresco á vista.
En nariz destaca a súa intensidade aromática e a súa gran personalidade. Entre os aromas de froita destacan os cítricos, lima, pomelo rosa e notas entre herbáceas e cítricas de xenxibre. Ao fondo aparece a froita branca, pera de auga, a mazá exótica e lembrazas a froita de óso como o pexego. Tamén aparecen os recordos vexetais de fiúncho, loureiro e menta.
En boca sen dúbida fala a súa intensidade, persistencia e acidez equilibrada. É sedoso e envolvente cun gran final aromático e un lixeiro amargosiño. Co paso dos anos ofrecerá un gran abano de sensacións.

Dispoñible en botella de 75cl.

LICORES

Augardente monovarietal, procedente dos bagazos do Godello e destilado por Bodegas Godeval. É un augardente que se presenta incoloro e cristalino á vista. Galardoado con numerosos premios.
Elaborado a partir do augardente de bagazo da variedade godello, macerado con café arábigo de alta calidade e vainilla. Obtense un licor agradable e de gran aroma.
Partindo da augardente procedente do bagazo do godello, macérase con diferentes herbas. O tempo de maceración outórgalle un padal agradable e saboroso.

MOSTEIRO DE XAGOAZA

Augardente añella

Trátase dunha augardente envellecida («añeja» en español). Obtida a partir do augardente branca e despois criada e madurada en barricas de carballo durante doce anos, nas instalacións da adega, na zona do Mosteiro de Xagoaza